
Para considerar coma tal un Cruceiro, é preciso que conste de baseamento, fuste ou varal, capitel e crucifixo, ou no caso contrario habería que considerala unicamente como Cruz.
Dí Castelao ao redor dos cruceiros que “onde hai un cruceiro cáseque sempre houbo un pecado, e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo descer un perdón do ceo, pol-o arrepentimento de quén o pagou e pol-o sentimento de quén o fixo”.
Afirma Castelao que “o espandimento dos cruceiros en Galiza, a partir do século XVII, tivo por principal motor a devoción que o noso povo sentía pol-os mortos queridos, refulxindo agora en novas espranzas coa remisión das penas do purgatorio, que a Eirexa oferecía pol-a virtude das indulxencias e a práitica dos sufraxios”. “Os cruceiros, pois, son obxeto de culto popular, desenrolados no noso país por infruxo do novo cristianismo, e cada cruceiro é unha oración petrificada, a perpetuidade, que se aprica en sufraxio das almas”.
A cristianización dos camiños. Dí Castelao “neste intre imos entrar no cerne do libro, porque as cruces outas de Galiza nasceron nas encrucilladas e propagáronse pol-os camiños, para cristianizaren os lugares medoñentos, onde a morte e o diaño axexan”. E Castelao engade que “o culto dos camiños xa se esvaeu na memoria das xentes; pero é posible que en ningunha banda do mundo garden as encrucilladas un arume de misterio tan punxante como na nosa terra e os demáis países celtas. As remanencias do culto vial teñen, de seguro, un orixe autóctono, ainda que os nosos deuses morreran asoballados pol-os númenes románs”.