Mouriscade

 

dscf3003

Roteiros de Lalín comeza a nova temporada. O Roteiro X terá como punto de inicio e final a área recreativa de Mouriscade. Estamos noutra das fermosas paraxes que temos no Concello de Lalín. O río Asneiro ofrece neste lugar un marco incomparable para o lecer. Pódese disfrutar da música da auga, da sombra que nos ofrece a vexetación de ribeira, visitar os muíños que aínda se conservan, e incluso preparar un bo churrasco no espazo habilitado para este fin. O roteiro permitirá visitar un carballo que é árbore senlleira de Galicia. Despois iremos ascendendo polo val do río Lebozán ata o alto de Xestoso. Dende alí os camiños levaranos preto do lugar de Penelas. Visitaremos o castro de O Penedo e pasaremos preto da aldea de Codeseda onde está o museo etnográfico da Casa do Patrón. Baixaremos de novo a carón do río Asneiro e pasearemos pola súa ribeira. Novamente ascenderemos ata a igrexa de San Xoan de Vilanova e xunto a ela está un fermoso pazo. Despois baixaremos cara a aldea de Os Muíños e por unha pequena senda ao pé do río Asneiro chegaremos de novo a área recreativa de Mouriscade.