
Imaxe: Recreación da Torre-Fortaleza de Deza a partir do debuxo de Francisco Vilariño. Principal cantón militar dezao.
O Carlismo: Cando morreu Fernando VII, herdou o trono a súa filla Isabel II (1833-1868), baixo a rexencia da súa nai María Cristina de Borbón. Carlos María Isidro de Borbón, irmán do defunto monarca, considerando que tiña dereito preferente á coroa, segundo a la Lei Sálica, publicou un manifesto chamando ao pobo á defensa dos seus dereitos a reinar, auto proclamándose rei co nome de Carlos V, comezando a primeira guerra carlista (1833-1839).
O Carlismo na Comarca de Deza: A nosa comarca viviu a primeira guerra carlista con intensidade por varios motivos. O clero e a fidalguía dezá querían manter os seus intereses económicos como perceptores de rendas agrarias defendendo a continuidade da sociedade tradicional que entraba en conflito co novo poder político. A posición xeográfica central da terra de Deza con respecto a cidades como Santiago, Ourense ou Lugo era estratéxica tanto para a acción como para o repregue dos partidarios do carlismo. Ademais a orografía accidentada da nosa comarca era propicia para o desenvolvemento da acción guerrilleira do bando carlista.
A guerra de guerrillas: Na primeira guerra carlista, en Galicia, a diferencia doutros territorios como País Vasco, Cataluña ou o Maestrazgo, os partidarios de don Carlos non dispoñían dun exército regular e actuaban a través da guerra de guerrillas. As partidas carlistas formábanse a partir de recrutamentos moitas veces forzosos que efectuaban os cabecillas facciosos. As cuadrillas carlistas nutríanse dalgúns homes fixos botados ao monte e doutros que eran contratados a xornal para algunha acción e que despois voltaban ás súas actividades cotiás podendo pasar inadvertidos ata recibir un novo chamamento.

Principais líderes guerrilleiros carlistas na Comarca de Deza:
Gorostidi: Home de orixe vasca e defensor do ideario tradicionalista. Foi apartado do seu cargo como cardeal cóengo da catedral compostelá. Foxe a Portugal e alí foi nomeado comandante xeral das tropas do infante don Carlos en Galicia. Tentou en 1835 un levantamento masivo da poboación da zona centro de Galicia para propiciar a entrada do infante don Carlos para a súa proclamación coma rei lexítimo. Tratou de conquistar a cidade de Santiago. Cunha pequena partida de 40 homes estivo agardando nos montes de A Estrada o momento de avanzar cara a Santiago, pero os apoios que esperaba ter volvéronse atrás. Foi detectado e tras un enfrontamento coas forzas do exército e da veciñanza acabou sendo capturado, e tras un xuízo sumarísimo foi fusilado en Santiago.
Antonio López e Silva: Dende mediados do 1835 ata mediados do 1836 continuaron a loita armada. Debido ao impacto das accións guerrilleiras de López, publicouse un edito que declaraba á comarca de Lalín en estado de guerra. Foi relevante un enfrontamento na feira de Agolada. Tamén un intento de tomar Lalín. O comandante Wenceslao Tizón era o encargado de perseguir a estes fauciosos e foi tremendamente efectivo.
Villanueva: Trala morte de Silva emerxeu José Tomé Villanueva como cabecilla carlista. Operou na zona montañosa de Agolada, Silleda, Vila de Cruces e Lalín. Os intentos de Villanueva para perpetuar as accións armadas foron infrutuosos. A presión do exército isabelino foi minguando os seus apoios e acabou sendo abatido en 1840 cerca de Agoleta.
Non foron os cregos nin os fidalgos os que lideraron a loita armada. Foron os máis desfavorecidos os que se uniron as gavelas carlistas para gañar uns cantos reais por día de loita.