Mosteiro de San Pedro de Vilanova.

 

O mosteiro de San Pedro de Vilanova está situado na aldea de Mosteiro no Concello de Dozón. O lugar escollido para asentar o cenobio é un lugar de paz e sosego, de verde paisaxe e de terras fértiles a carón do río Piñeiro.

Foi un mosteiro benedictino de monxas. Só a igrexa chegou ata os nosos días. Trátase dunha igrexa en estilo románico tardío dos séculos XII e XIII. É unha das obras máis perfectas que se conservan en todo o románico rural galego, pois non sufriu modificacións nin engadidos posteriores á súa construción.

A planta da igrexa é de nave única e ábsida semicircular disposta para salvar o desnivel do terreo. Ten unha orientación oblicua con respecto aos puntos cardinais. Os muros son altos e teñen contrafortes feitos con bos perpiaños cunha técnica mixta a soga e a tizón. Ten un tellado de madeira con cuberta a dúas augas, aínda que parece que estaba proxectada unha bóveda de canón en pedra.

Ten tres portadas. A principal está cuberta por un aleiro sostido por unha cornixa de arquiños cóncavos. Consta de súas arquivoltas apuntadas e molduradas que apean sobre dúas parellas de columnas con capiteis e no tímpano ten unha cruz grega en baixo relevo. A portada occidental está enmarcada en dúas pilastras e ten arquivolta tórica dobre con dous pares de columnas e un tímpano liso. A portada sur daría as dependencias monásticas e ten un arco apuntado e un tímpano decorado cunha cruz grega.

A ÁBSIDA. Está asentada nun rebanco dividido en tres pisos de arestas aboceladas. Estrutúrase verticalmente en cinco espazos ou rúas separados por catro columnas con capiteis con motivos vexetais. Cada tramo ten unha ventá adornada con arquivoltas e arcos de medio punto. A ventá central está máis decorada e ten un óculo e un rosetón a xeito de celosía de cinco vanos circulares dispostos de xeito cruciforme. No exterior da ábsida está a inscrición fundacional EGO GUNTRO SUARII EDIFICAVI ISTUM MONASTERIUM IN HONORE SANCTI PETRI IN ERA MCLXLII E? OGO que indica que foi fundado por Guntroda Suárez no ano 1154.

O elemento estético que máis caracteriza esta igrexa posiblemente sexa a cornixa corrida de profundos arquiños sobre os canzorros. Estes teñen un perfil anacelado pero hainos tamén figurados con motivos xeométricos ou vexetais e un ten figura humana.

Tamén destaca a espadana románica que está colocada nun lateral e non na portada frontal. Non se conservan moitas deste tipo pola súa exposición aos raios das tormentas.

O interior está practicamente baleiro. Cinco pares de ménsulas sosteñen a cuberta de madeira a dúas augas, pero hai columnas circulares que rematan a media altura que indican que os construtores consideraron facer unha bóveda de canón. O arco triunfal está lixeiramente apuntado e dobrado, coas dovelas en aresta e presenta columnas con fustes lisos, basas áticas e capiteis en forma de cestas decoradas con motivos vexetais. O arco faixón está máis apuntado tamén con columnas lisas e capiteis. Na ábsida ten unha bóveda de forno e no tramo recto unha bóveda de canón.

Hai dúas imaxes de San Pedro, unha en pedra e outra tallada en madeira, e faise un ritual para quitar o medo.