Memoria histórica.

 

ASASINADOS POR PENSAR E DESEXAR PARA TODOS UN MUNDO MELLOR.

En Buenos Aires, colgada nun dos locais da Federación de Sociedades Galegas, hai unha placa de bronce cunha alegoría da República que a Sociedade de emigrantes Unión del Partido de Lalín instalou en 1954 en homenaxe aos que caeron “en defensa de la libertad de la República española y los derechos humanos”. Figura nela un listado de 52 persoas, co seu respectivo cargo ou profesión, agrupados por concellos. No pé dí “asesinados por pensar y desear para todos un mundo mejor”.

O día 8 de xullo de 2015 colocouse unha réplica desta placa no vestíbulo da casa consistorial de Lalín. A idea é poder traer a orixinal algún día, pois no discurso que pronunciou en 1954 o que era entón presidente da sociedade lalinense, Bernardino Dobarro, manifestou que a placa quedaba alí en depósito ata que se restaurara en Lalín a democracia alegando que o seu lugar era o Concello de Lalín.

O listado dos mártires da República na Comarca de Deza que aparece nesta placa é bastante exhaustivo, tendo en conta que foi elaborado partindo fundamentalmente de fontes orais, polo que hai algúns erros na transcrición de apelidos e outros mesmo aparecen co seu alcume. Así vemos recollidos os fusilados e paseados, os que perderon a vida nas prisións (incluídos os abatidos na evasión da cadea de Pamplona), os que morreron a consecuencia do seu paso polo cárcere e tamén as vítimas da represión á guerrilla durante os anos corenta. Case todos os sinalados na lista foron localizados, pero quedan algúns casos dubidosos, especialmente aqueles que son identificados como militares, que suponse que son soldados alistados nas filas do exército franquista e paseados polos informes que os denunciaban como republicanos, enviados polas novas autoridades.