Igrexa de Donsión.

 

 

Igrexa barroca da primeira metade do século XVIII edificada entre os anos 1731 e 1743 co impulso da familia Gil-Taboada.
A planta da igrexa é de cruz latina sendo as capelas laterais os brazos do cruceiro. A sancristía está detrás do retablo barroco. A nave central é de bóveda de cañón con dous arcos faixóns. No cruceiro ten unha cúpula semiesférica sustentada por catro arcos torais e pechinas. Sendo estes elementos feitos en pedra de sillería, polo seu peso, precisouse de aumentar a altura da nave e dotar de grosor ás paredes laterais.
A fachada principal ten a imaxe de Santa Baia con decoración barroca. Destaca o campanario dividido en dous corpos, o inferior cadrado e o superior octogonal rematado en cúpula.
No interior da igrexa resplandece o retablo maior de estilo barroco realizado por Silvestre Colmeiro Pumeda.

Retablo de Silvestre Colmeiro

Este artista, que naceu en Chapa (Silleda) no ano 1730, destacou como carpinteiro e tallista. O retablo de Donsión encargoullo Cayetano Gil Taboada e está feito en estilo barroco. Ten decoración en tono dourado con anxos e motivos vexetais. Contén os escudos da familia Gil Taboada.