Ponte dos Cabalos.

 

A Ponte dos Cabalos serve para cruzar o río Arnego entre a aldea de Parada, situada no Concello de Lalín, e a de Ferreiroa, que pertence ao Concello de Agolada.

É unha ponte medieval do século X que está datada no ano 970. Tamén desta época proceden outras pontes históricas que aínda se conservan na nosa comarca.

Por aquí pasaba un Camiño Real en dirección a Lugo e para cruzar a ponte había que pagar unha taxa, a “parata” ou “pontádego”. Testemuña deste feito é unha pedra que aínda se conserva e que sostiña a cancela coa que se controlaba o paso. Tamén é moi significativo e revelador o topónimo “Parada”.

A denominación “Ponte dos Cabalos” según a tradición oral débese a que durante a invasión napoleónica houbo aquí un incidente de armas no que morreron varios cabalos que tardaron en ser retirados e pasaron a darlle nome á ponte.

Arquitectonicamente falando estamos ante unha ponte de dous ollos formados por arcos de medio punto. O taboleiro empedrado supera os trinta metros de lonxitude e ten unha anchura considerable. Só se conserva un peitoril orixinal. Pola cara de augas arriba ten un parteaugas asimétrico e de estrutura irregular.

A finais do ano 2020 fíxose unha restauración da ponte para tratar de conservala e poñela en valor. Os traballos consistiron na limpeza e rexuntado da canteiría así como a reconstrución do parteaugas tratando de reforzar a estabilidade da súa estrutura. Estas actuacións deben servir para garantir a súa conservación, pero introduciron dous elementos controvertidos, os penedos colocados a modo de peitoril e as novas escaleiras en pedra para baixar ao nivel do río.