Ponte Taboada.

Ponte Taboada permite cruzar o río Deza entre os Concellos de Lalín e Silleda. O río neste punto estréitase entre penedos e o lugar foi aproveitado posiblemente dende tempos moi remotos para facer un paso dunha beira á outra. Inicialmente a ponte sería de madeira “pons tabulata” e posteriormente no medievo ergueuse esta fermosa ponte de pedra. A inscrición fundacional permite situar a finalización da obra a principios do século X, concretamente no ano 912.

Arquitectónicamente falando, Ponte Taboada é unha ponte dun só ollo formado por un arco de medio punto de gran tamaño pois chega a 5,30 metros de radio o que eleva a ponte a máis de dez metros sobre o río.

Os construtores tiveron que facer na parte de Lalín unha rampa de 35 metros de lonxitude para salvar unha altura de máis de cinco metros e medio. Isto obrigou a devastar os penedos de gran tamaño que impedían a chegada do camiño á altura da ponte.

Antes da construción desa rampa, na época das pontes de madeira, o camiño de acceso baixaba moi empinado cara á ponte, cunha pendente estimada do 20%, sendo unha dificultade máis coa que se atopaban as carruaxes. A construción de dita rampa mellorou moito o acceso.

 

«LaVORABERVNT
isTA PONTE
In ERA DCCCCL
eT FVIT PERFECTA
pRIDIE KL-DS APIES».
“Labrouse esta ponte na era 950 e rematouse o 31 de marzo”. A era 950  correspóndese co ano 912.