O caciquismo

 

Cacique: Persoa que nun pobo ou comarca exerce excesiva influencia en asuntos políticos. A orixe desta expresión atópase nos virreinatos españois en América onde esta denominación foi empregada polos conquistadores para designar ás autoridades políticas indíxenas.

Caciquismo: É un fenómeno político e social onde unha persoa con poder, o cacique, domina unha comunidade ou rexión, normalmente nun ámbito rural. Os caciques actúan con abuso de autoridade empregando a influencia persoal para saltarse a lei ou evitar a xustiza en beneficio propio, valéndose de favores ou ameazas para obter lealdade e apoio político. O caciquismo supón unha falta de democracia real pois aínda que existan votacións os resultados están condicionados e incluso son falseados. Estes comportamentos son en moitas ocasións constitutivos de delitos.

A base do caciquismo é a relación clientelar: Trátase do vínculo que une á persoa que ten o poder (o cacique ou patrón) co cidadán dependente (cliente). Esta relación está asentada no trato persoal e na desigualdade, podendo incluso o cacique valerse da coacción. O patrón outorga favores, emprego, influencias legais, exencións de impostos ou resolución de problemas cotiáns en moitas ocasións a base de cometer ilegalidades. O Cliente ofrece obediencia, respaldo en mobilizacións, e sobre todo voto cautivo en procesos electorais. Hai un bloqueo da competencia política libre mediante a coacción e o uso da rede de poder institucional.

Cándido Soto Colmeiro

Nace en 1876 en Lavadores (Vigo). Fillo de Gumersindo Soto Vázquez (1846-1916) orixinario de Donramiro e de María Colmeiro Louzao. O seu padriño de bautismo foi o Marqués de Riestra. A familia trasladouse a Carbia onde o seu pai foi Alcalde. Estudou Medicina na Universidade de Santiago e foi compañeiro de carreira de Castelao.

En 1902 foi Alcalde de Carbia sucedendo ao seu pai. Deixou a Alcaldía en 1906 para adicarse á medicina. En 1907 foi nomeado médico titular no Concello de Carbia.

Casou con Amparo Blanco Losada descendente de José Blanco Porto que fora Alcalde de Lalín o que multiplicou a súa influencia política.

Seguiu sendo cacique de Carbia e a súa influencia foi medrando en Lalín onde chegou a ser Alcalde en 1923. Tralo golpe de estado franquista xa non tivo un papel destacado pero conservou a súa influencia política ata a súa morte en 1945.