
Fotografía: Pazo de Liñares na parroquia de Prado, “el palacio del recuerdo”. Residencia dos Taboada.
Para explicar a historia da comarca de Deza dende o século XV ata o século XIX é necesario comprender o que foi a cultura dos pazos. A cultura dos pazos está baseada nas diversas formas de propiedade da terra que existían nese periodo.
Os grandes propietarios, a igrexa e a alta nobreza, empregaban a intermediarios, xente que normalmente tiña oficios administrativos coma xuíces ou escribáns, para percibir os rendementos dos seus dominios a través dos foros. Estes pequenos fidalgos intermediarios subaforaban as terras aos labregos, que eran os que as cultivaban directamente, pero cargándolles cunha renda moi superior á que tiñan estipulada para todo o lugar, obtendo así grandes ingresos.
Nos lugares onde exercían o seu señorío, os fidalgos edificaban as súas residencias en forma de pazo. Estas edificacións foron evolucionando pasando de ter un certo carácter defensivo a outro máis suntuario. Popularmente foise consolidando o dito de “casa, capela, pombal e ciprés, pazo es”.
No libro “Pazos y moradas hidalgas de Deza” aparecen relacionados 29 pazos en Lalín, 6 en Silleda, 8 en Vila de Cruces, 7 en Agolada, 6 en Rodeiro e 1 en Dozón.
Os fidalgos transmitían o seus bens e dereitos de forma conxunta ao herdeiro varón primoxénito ou no seu defecto á filla maior, co que o patrimonio familiar non se dividía e íase incrementando xeración a xeración aumentando progresivamente a riqueza e o poder da casa. Para identificar os seus dominios poñían nas paredes ou portadas dos pazos o escudo familiar característico da liñaxe á que pertencían.

As pedras armeiras.
As pedras armeiras son un símbolo heráldico que aparece nas fachadas de moitos edificios, como acontece nos pazos e casas señoriais.
A heráldica é a disciplina ou ciencia do brasón que se encarga de estudar, describir e deseñar os escudos de armas de persoas, familias, liñaxes, institucións ou territorios. Nace na idade media, século XII, nos torneos e campos de batalla para que os cabaleiros totalmente cubertos polas armaduras puideran ser recoñecidos. Co tempo, estes símbolos pasaron a ser hereditarios e representaron a familias nobres e territorios.
Anatomía de un escudo heráldico:
– Timbre: É a parte superior do escudo. Indica se o propietario do escudo pertence ou non á nobreza. Este atributo ven representado por unha celada ou unha coroa e segundo a forma da coroa ou as fendas da celada saberemos o estatus que o propietario ten no estamento nobiliario. Nos eclesiásticos ponse un sombreiro ou capelo con borlas.
– Boca: É a parte principal do escudo e pode representar a unha liñaxe ou varias podendo ser o escudo completo ou dividido. Cada unha das partes nas que se divide a boca chámase cuartel que se numeran de esquerda a dereita e de arriba a abaixo. Nos cuarteis 1 e 3 represéntanse as armas paternas e nos cuarteis 2 e 4 as maternas. Ás veces aparece no corazón un escudete chamado escusón que contén as armas ou liñaxe principal ou aquel que se quere resaltar.
– Cimera: Adornos que se colocan por riba da celada ou a coroa.


A fidalguía.
Os fidalgos, “fillos de algo”, foron un grupo moi heteroxéneo que estaba caracterizado por dispoñer dunha serie de privilexios de carácter fiscal, xurídico e social.
Trátase dun conxunto de persoas pertencentes ao sector da nobreza sen título, estando nun segundo nivel. Sería un colectivo de condición privilexiada que buscaba diferenciarse do común dos “pecheros” e que emulaba gustos, formas de vida e símbolos identitarios dos grandes liñaxes que posuían título nobiliario.
Houbo unha primeira fidalguía arcaica integrada polos “infanzóns”, cabaleiros e escudeiros, apelativos que poden referirse ao desempeño dun oficio militar ou a unha categoría social privilexiada, intermediarios ou propietarios de terras, fronte aos labregos que pagaban polas leiras que cultivaban. Posteriormente serían chamados fidalgos, ben de sangue por herdar a fidalguía dos seus antepasados, ou ben por obter un privilexio.