Fernando de Camba.

 

Fernando de Camba era fillo de Álvaro de Camba e Taboada e a súa muller Leonor García Taboada. Herdou moitas propiedades, entre elas, a Casa Fortaleza de Camba e a Torre de Rodeiro e moitos bens e feligresías do actual Concello de Taboada.

Casou con dona Teresa Rodríguez Noguerol, da casa de Amarante, que lle levou en dote o Coto de Esperante coas súas rendas, peitos e dereitos, e xurisdicción civil e criminal.

1459 Fernando de Camba aparece como escudeiro e prestameiro de San Salvador de Camba nun documento onde arrenda por dous anos a metade do dito préstamo.

1479 Fernando de Camba foi tomado como prisioneiro por Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga, cando este tiña sitiado o castelo de Sobroso. Logo foi conducido ao castelo de Soutomaior e despois ao de Salvaterra. Estivo preso alí xunto con García Sarmiento ata que os foron rescatar tropas do bispo de Santiago Alonso Fonseca e do seu irmán Lope Taboada.

1492 Fernando de Camba participou como capitán, con vinte lanzas,
na conquista de Granada apoiando aos Reis Católicos.

1510 Morre Fernando de Camba e sucédelle o seu fillo Xoán Rodríguez
de Camba. O seu curmán dou inicio a un largo e costoso pleito contra el sobre os bens da casa de Camba que rematou en 1560.

 

O SEPULCRO

Fernando de Camba foi enterrado nun sepulcro esculpido nunha única pedra e cuberto cunha lousa. Actualmente está no cemiterio de San Xoán de Camba a carón da igrexa.

Sobre a lousa que tapa o sepulcro figura unha inscrición indicando como data da súa morte o ano 1510.

Nun dos laterais deste sepulcro hai unha serie de símbolos referentes á súa valentía nos campos de batalla.

A tapa do sepulcro foi fendida á metade por buscadores de tesouros que esperaban atopar no interior unha armadura de ouro.

O título de Duque de Camba, segundo unha tradición, foille outorgado polos Reis Católicos por ter tomado parte na conquista de Granada, participando como capitán, con vinte lanzas.

 

O PAZO DE CAMBA

Está formado por un conxunto de edificacións que ten forma de “U”. Nunha ala do edificio están as antigas palleiras e a cociña ou “casa do lume”. Na outra ala está a igrexa. No centro levántase a torre que ten adosada unha edificación.

A torre é de tres plantas. Nela está a dependencia adicada a arquivo que está no segundo nivel cunha ventá xeminada con parladoiros no interior. Este espazo é de arquitectura culta en estilo renacentista.

A escaleira exterior parece un engadido. É dunha rampla, adosada ao muro e finaliza en patín. A porta de acceso ten no lintel unha data indicando os primeiros anos de 1600 e un escudo a cada lado coas armas dos Camba.

Tamén destacan as dúas chemineas de feitura similar que corresponden á cociña e ao salón. Son de sección trapezoidal e de dous corpos diferenciados por unha moldura. Están rematadas con pináculos.

A casa está unida coa igrexa parroquial mediante un acceso directo á tribuna. No templo están os enterramentos dos propietarios.