
O mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro está situado no Concello de Silleda, nunha paraxe natural de gran beleza no interior dun meandro do río Deza.
Foi fundado polos Condes de Deza, Gonzalo Betote e Tareixa Eiriz, arredor do ano 936, no lugar onde existiu unha ermida propiedade de “Egica”. No ano 997 parece que foi destruído polas tropas de Almanzor e restaurado despois polo rei Bermudo II. No ano 1171 o abade Fernando fundou a igrexa de estilo románico tardío. A partir da desamortización de 1835 Carboeiro quedou abandonado e sufriu o espolio. En 1969 iniciouse unha restauración que puxo fin ao abandono.
Arquitectonicamente falando, do mosteiro consérvanse restos da parte residencial moi desfigurada. A igrexa abacial presenta planta de cruz latina con tres naves e un cruceiro edificada sobre unha cripta coa que se salva o desnivel do terreo. Na cabeceira ten unha xirola de cinco tramos e tres ábsidas. A igrexa dispón de corenta puntos de luz e tivo nove rosetóns dos que sobreviviron dous. A fachada principal está dividida en tres corpos. A portada principal está coroada por catro arquivoltas que enmarcan o tímpano. A igrexa ten tres portas laterais. Tiña inicialmente dúas torres e incorporouse unha terceira na fachada. A igrexa ten tres naves, a central de maior altura que as laterais.