Igrexa de Ventosa.

 

 

A Igrexa de San Xulián de Ventosa é un monumento único e un dos máis fermosos da Terra de Deza. Filgueira Valverde catalogouna como a “Catedral da arte rural galega”.

Estamos ante unha igrexa románica que sufriu importantes reformas en época moderna que a modificaron substancialmente. A maior singularidade deste templo rural radica en albergar no seu interior un importante conxunto escultórico procedente dun baldaquino ademais de conter o mausoleo do Abade Lope de Ventosa e ter pinturas murais.

A planta actual é de cruz latina sendo o resultado de varias transformacións. A edificación románica tería unha nave única e unha ábsida que sería máis estreita que a nave. No século XVI ábrense nos laterais unha capela e unha sancristía. No século XIX derrúbase o arco triunfal e amplíase a ábsida e os dous espazos abertos con anterioridade pasan a ser capelas comunicadas coa nave con grandes arcos. Foi nesta última reforma cando se desmontou o baldaquino e se reubicaron as súas pezas nos muros laterais da nave principal.

Da época románica consérvanse a nave, os canzorros, a espadana, a fachada principal e as dúas portadas. A porta principal ten dúas arquivoltas de medio punto apoiadas en dúas columnas a cada lado. Os capiteis teñen motivos florais e o tímpano é liso.

Esta igrexa é un impresionante conxunto escultórico, posiblemente un dos máis fermosos do románico rural galego.

O MAUSOLEO. A teoría máis estendida é que se trata do sepulcro do abade Lope de Ventosa, un cóengo de Santiago da familia Ulloa. Está dividido en tres partes. A superior ten dous frisos superpostos, estando no primeiro os dez apóstolos e no segundo representa a Cristo, anxos e San Pedro e Santiago. A parte central, en forma de arco decorado con figuras quiméricas. Na inferior está o sarcófago con duas figuras, unha de corpo xacente e outra en releve.