
O mosteiro de San Salvador de Camanzo está situado no Concello de Vila de Cruces, preto da confluencia entre os ríos Deza e Ulla. O historiador Armando Vázquez Crespo fala dunha “ribeira sacra do Ulla” pola concentración de mosteiros e igrexas de orixe románico nesta contorna.
Do antigo conxunto monástico consérvase a igrexa románica do s. XII con algunha alteración posterior e a sala capitular. Foi un mosteiro benedictino fundado arredor do ano 936, primeiro masculino e posteriormente de monxas benedictinas.
A planta da igrexa é basilical, con tres naves de catro tramos rematadas por tres ábsidas semicirculares, sendo a central maior que as laterais. O arco triunfal e os arcos forneiros son apuntados.
A portada principal ten dous óculos e unha torre campanario e está presidida pola figura de San Salvador alzando a man dereita para bendicir e tendo na esquerda un libro.
A portada lateral pola que se accede ao que foron as dependencias monásticas é de arco de medio punto. No tímpano está representado o agnus dei e unha cruz e está apoiado en dúas mochetas en forma de bóvido e de folla vexetal. Ten unha inscrición E I CC IIII que permite datar a obra románica no ano 1166.
No interior da igrexa consérvanse pinturas murais representando na bóveda da cabeceira a escena de Pentecostés.
Do mosteiro consérvanse tres arcos dun posible claustro románico no acceso á sala capitular. Tamén algunhas dependencias con lagar e adega, e unha parra centenaria.
